Tuesday 07 de May de 2024

A Pobra busca recupera-la memoria da mestra María Vázquez Suárez


A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal busca rescatar do esquecemento a figura de María Vázquez Suárez, Maruja, quen exerceu como mestra na localidade ata 1929 logo de obte-la súa praza titular no 1918 unha vez aprobadas as oposicións. Doce anos durante os que estivo a cargo da escola de nenas situada nun estremo da planta baixa da actual casa consistorial. Posteriormente trasladouse ao concello de Miño e, logo da súa detención en agosto de 1936, foi asasinada polos fascistas, tal e como explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE). Entre as acusacións efectuadas figuraban a defensa da escola laica e o amor libre.

A edil manifesta que esta iniciativa pretende reconstruí-lo perfil biográfico da docente a través do testemuño de descendentes das súas alumnas. Neste senso, publícase unha imaxe dun dos seus últimos cursos para coñece-la identidade das rapazas e, a partir de aí, indagar máis sobre a relevancia que tivo a mestra na instrución pública das mulleres da vila.

Con relación a isto, Lojo apunta que se trata dun proxecto “no que se involucre a sociedade pobrense para, a través da memoria colectiva, darlle o lugar que merece no ámbito cultural a unha muller adiantada á época que lle tocou vivir.”

Segundo documentos do arquivo da Pobra, a escola de Maruja tiña un promedio de sesenta nenas por ano académico. Máis polo miúdo, no de 1926-1927, constan 60 matrículas, se ben a asistencia a clases se situaba nunha media de 32. A aula estaba integrada por alumnas de distintas idades: 2 tiñan menos de 6 anos, 23 tiñan entre 6 e 9 anos, 32 entre 9 e 12 anos, e 3 seguían na escola con máis de 12 anos.

A Administración local habilita o teléfono de contacto 680417285 e o enderezo electrónico arquivo@apobra.gal para quen poida achegar datos.